A Eslovenia!!!!

Dentro dunha hora teño que estar no aeroporto -e aínda non fixen a maleta-, pero, por fin, vou pasar uns días a Eslovenia. Nos últimos meses estiven buscando o momento para ir e ata hoxe non atopei.

A razón desta viaxe é a de poder reunirme con Brand Ferro, o que será o director de fotografía de 18 comidas.

Este home é un novo director de foto macedonio que coñecín hai uns poucos anos a través de Petra Seliskar, unha directora eslovena amiga miña. Petra estará na película acompañándome como asistente e quixen que Brand fixese a foto por varias razóns: unha, porque coñezo o seu traballo e é excepcional; outra, porque sei que lle entusiasma o mundo do cine de guerrilla, a rodaxe chica; outra, porque é unha desas persoas que agradeces ter ao teu redor polo boa persoa que é; e por último, porque recoñezo que me encanta a idea de ter un director de fotografía macedonio...

Bueno, á miña volta explicarei con máis detalle todo o asunto (que agora vou un chisco pillao).

Saudos!!!

P.D. O da foto é o lago Bohinj, a unha hora de Ljubljana

luns 29 setembro 2008

En Xeral | 1 comentario | Permalink

como xurdiu 18 comidas?

O proxecto de 18 comidas xurdiu ao unir dúas ideas que me rondaban a cabeza nos últimos anos.

 

Por un lado, hai xa tempo oín falar dun festival único no mundo como é o das 72 Horas de Chicago. Trátase dun festival no que só participan películas feitas en 72 horas. É dicir, desde o momento en que se dá acción por primeira vez ata que a película está postproducida e selada en correos de camiño a Chicago, só poden pasar tres días, nin un minuto máis. Ese xogo de malabares cinematográfico resultábame divertido e así, comecei a pensar historias que realmente se puidesen facer en tres días. Pensei unha boa cantidade de plantexamentos distintos, pero non daba con ningún que me convencese. Ata que unha desas ideas que desbotara pois, ainda que era posible rodala en poucos días –se cadra mesmo en 72 horas, como esixían en Chicago-, definitivamente non era posible montala e postproducila nese tempo; como dicía, unha desas ideas desbotadas foi collendo forza na miña mente.

 

Esa idea desbotada era, básicamente, a de poñer en práctica as ferrameentas coas que traballara nun curso de dirección aló por 2001 en Dublín. Ese ano, participei como alumno nunha Masterclass da Academia de Cine Europeo impartida por Michael Radford. O título daquel curso era “A alma do actor” e o que Radford pretendía era darnos a un grupo de doce directores primerizos, unhas nocións básicas sobre a dirección de actores. O seu plantexamento foi o de “se queres aprender a dirixir actores, o primeiro que tes que facer é ser actor ti mesmo”. Con esa premisa, púxonos aos doce acobardados directores a interpretar enriba dun escenario. Pero nunca pretendeu que aprendésemos un texto senón que traballásemos a partir de improvisacións. Para a miña sorpresa, aquel curso convirteuse nunha inmersión total nun mundo descoñecido ata entón como era o da improvisación. Analizamos de forma exhaustiva as bases necesarias para que unha improvisación funcione; as razóns que poden levala ao bloqueo por parte dos actores; cómo reaccionar neses casos; cómo reconducila cara a novos camiños... E descubrín que unha improvisación, lonxe de ser algo non preparado e pouco máis ca un divertimento para actores, pode chegar a uns niveis de emoción e verdade difícilmente igualables con outros métodos.

 

Así que, unindo a idea daquel festival coa experiencia daquel curso, comezou a medrar algo novo, 18 comidas. E foi collendo tanta forza que, finalmente, decidín seguir adiante con ela e esquecer o festival.

 

A continuación pensei que, se cadra, aínda que puidese ser unha aventura divertida, plantexarme en serio levantar unha película destas característica podía converterse nunha loucura.

E sigo pensándoo.

Creo que vai ser unha loucura divertidísima rodar unha longa en seis días e montala en seis meses, e teño a firme convicción de que se, cando cheguemos a esa semana de rodaxe breve e demencial, fixemos ben os deberes, o resultado será algo realmente vivo, intenso... e diferente.

Queremos buscar vías alternativas, experimentar novas formas de narración coas que contar as historias que nos emocionan.

Porque, en realidade, iso é o importante... a pura necesidade de contar historias, de falar coa vida.

E a vida é o que ocorre entre prato e prato.

martes 23 setembro 2008

En documentos | 2 Comentarios | Permalink

improvisación

1.f. Realización dunha cousa que non estaba prevista.

2.f. Poema, discurso, peza musical ou obra artística en xeral que unha persoa compón ou executa sen seguir un guión predeterminado.

martes 23 setembro 2008

En Xeral | Sen comentarios | Permalink

Sinopse

          18 comidas é unha película de improvisación. Unha película na que o que ocorra diante da cámara será único e irrepetible.

           Son historias que ocorren arredor de comidas. Historias que se desenvolven en 6 almorzos, 7 comidas e 5 ceas, nas que os personaxes vivirán momentos de ruptura, de unión, de crise, de cotidianeidade...

            Por que dispoñe-lo núcleo das historias ao redor de comidas? Porque comer é unha necesidade vital que todos compartimos. E tamén porque a comida establece un vínculo social, afectivo e de unión. Moitas grandes decisións tómanse en torno a unha mesa. Moitas pequenas decisións... tamén.
            Nesta película, os protagonistas serán máis protagonistas ca nunca. Son eles os que teñen na súa man decidir que versión da historia nos contan. En tódalas situacións que se propoñen, cada un dos personaxes ten tres claves imprescindibles: sabe exactamente quen é, sabe exactamente cal é a relación que o une cos demais personaxes da escena e, sobre todo, sabe exactamente cal é o seu obxectivo. Con estas tres ferramentas, terá que lanzarse á improvisación e intentar chegar a ese obxectivo.

E é aquí onde xurden os conflictos da película, non dun guión completo no que sabemos de antemán como acabará todo, senón da oposición frontal entre os obxectivos dos personaxes.

A partir de aí... todo é posible.

 

Ninguén sabe por adiantado que camiños lle tocará percorrer na vida. Por iso nesta película tampouco podemos contar o final. Porque non o sabemos. Irémolo descubrindo no mesmo momento da rodaxe. Porque nesta loita diaria de anhelos, de intereses, de soños compartidos ou enfrontados, na que podería resumirse a existencia, cada secuencia será unha batalla vital na que os propios personaxes terán que decidir quen gaña, quen cede, e quen deberá buscar mellor fortuna noutra ocasión.

martes 23 setembro 2008

En documentos | 1 comentario | Permalink

Son un desastre, seino...

Son un desastre, seino... Vai pasando o tempo e non vou escribindo -como era a miña intención- o desenvolvemento desta película.
Pero por suposto -aquí vén a captatio benevolentiae-, hai razóns.
Primeiro: no último mes estiven en Madrid liado na rodaxe dunha serie de TV e, tan pronto acabei, marchei de vacacións (que acabei onte).
Segundo: Non ten sentido ir contando o día día da película sen explicar primeiro qué película é. E isto non é tan fácil neste caso...
Nos próximos días comezarei por explicar qué é "18 comidas", por que non é tan fácil definir esta película, cal é o seu argumento, as súas intencións, qué é o que a fai tan especial para min, etc.
Espero poñerme co asunto antes de marchar de viaxe de novo, porque -isto si que é xa diario do proxecto- a semana que vén irei a eslovenia reunirme con Brand Ferro, o que será Director de Fotografía nesta película e que vive a cabalo entre Skopje (Macedonia) e Ljubljana (Eslovenia).

Xa vai faltando menos para comezar a rodaxe e hai moito que falar...

venres 19 setembro 2008

En Xeral | Sen comentarios | Permalink

Abrindo boca

 [ Máis ]

sabado 19 xullo 2008

En Xeral | Sen comentarios | Permalink