O tren comeza a moverse

Esa é a sensación que me provoca o inicio de calquera preprodución. A dun tren que comeza, pouco a pouco, a poñerse en marcha. Neste caso trátase dun tren pequeniño e modesto que pegará un acelerón brutal a unha semana da rodaxe, cando comecemos cos ensaios técnicos. Por certo, vai ser a primeira vez que faga tal cousa. Nunca antes necesitara facer ensaios non para os actores senón, como neste caso, para o equipo técnico; pois é fundamental que antes de poñernos a rodar as improvisacións ás que se lanzarán os actores, probemos e comprobemos que a máquina funciona, que o equipo está engraxado e que somos capaces de, unha vez que a impro comece, non parar a rodaxe baixo ningún concepto ata o final.

Nestes días abriremos a oficina de produción en Santiago e así, por fin, deixarei a soidade da miña casa para comezar a dar -nun man a man con María Liaño, a directora-xefa de produción-, os primeiros empurróns serios a esta preprodución que durará un par de meses.

xoves 08 xaneiro 2009

En Xeral | Sen comentarios | Permalink