A Viaxe a Eslovenia (continuación)

               Arrancamos o noso periplo cun rotundo fracaso ao tirar para arriba, coa intención de chegar aos Alpes. E chegar, chegamos, pero non vimos nada das montañas pola densísima néboa que os ocultaba eses días. Así a todo, si coñecemos unha boa serie de vilas fermosas e de lagos impresionantes –entre eles o Bohinj, aquel do que eu puxera unha foto neste blog anunciando a viaxe e do que agora poño outra-. E aínda que esta foto non está mal, non é nada comparado con ver aquel lago coronado por unha illa no medio da auga da que emerxe unha torre de estilo balcánico, ver a mansión que Tito mandou construír alí para veranear… realmente impresionante.

               Ante o fracaso, demos volta e tiramos cara ao sur, cara as montañas que fan borde con Croacia, alí onde vive Dujan –non lembro se se escribía así o nome-, un amigo de Petra e Brand que hai uns anos, decidiu abandonar a cidade e marchar para o monte. E tan radical foi a decisión que marchou par unha vila onde non hai cobertura e onde é bastante difícil chegar en coche. Eu xa estivera alí hai un tempo alucinando ao comprobar que as verbenas son idénticas en Galicia e en Eslovenia, e desta volta paseino alomenos igual de ben, pois o plan foi ir preparando unha comida típica da zona (bueno máis ben serbia se non entendín mal) chamada “čebapčiči” e disfrutar dunha desas comidas intensas e extensas nas que se vai mesturando o xantar coa sobremesa e coa cea ata acabar cos licores da noite entre contos, conversas e risas. Foi unha noite preciosa que Petra e Brand perderon, pois a iso das nove foron durmir a Terra e aló quedaron eles durmidos tamén mentres nos seguiamos con Dujan e cun home do que non lembro o nome, pero si lembro como só se entendía ben coa miña irmá –a única que falaba italiano de entre nos- e como insistía en que fora unha gran perda a desmembraciónde Iugoslavia. Viña dicir algo así como: “Antes eramos un gran país. Ti dicías –e aquí puña voz de impresionante- IUGOSLAVIA polo mundo adiante e a xente respectábate. Agora, ¿de onde somos? ¿De Eslovenia? Pois tremenda merda. Se mesmo nos confunden con Eslovaquia… Ai, Tito, botámoste en falta”. Os seus compatriotas máis novos non estaban completamente dacordo con el, pero iso pouco lle importaba, el é un romántico e sempre o será.

               Ao día seguinte, chegou o día de volver a Galicia. Pero antes de tirar cara ao aeroporto de Venecia, aínda tivemos tempo de percorrer unha zona vinícola na fronteira italo-eslovena e porba-los seus viños, de visitar un amigo da miña irmá, de comer coma señores a escasos metros da antiga garita fronteiriza e disfrutar do último día desa viaxe que empezou sendo un encontro de traballo e rematou como unha experiencia de primeira orde.

               Agora só espero que eles –Petra, Brand e Terra- o pasen igual de ben e sintan igual de ben recibidos como nos sentimos nós alí.

martes 03 febreiro 2009

En Xeral | 1 comentario | Permalink

A Viaxe a Eslovenia

Lembrei o outro día que, hai xa uns meses, adiara o de contar a viaxe que fixen a Eslovenia para falar co director de fotografía Brand Ferro e a súa muller Petra –unha das miñas mellores amigas e que participará na película como asistente de dirección.

               Ben, pois hoxe é o día de contar aquela viaxe. Entre outras razóns, porque se tardo uns poucos días máis, vaiseme xuntar todo, pois esta fin de semana –por fin- chegan Petra e Brand a Galicia para quedar un par de meses entre a preparación e a rodaxe.

               Había xa moito tempo que empezáramos a falar de 18 comidas e da súa participación no proxecto, pero nunca tivéramos a oportunidade de sentar tranquilamente e tratar todos os temas relativos ao traballo en profundidade. Así que con esa intención organicei a viaxe. Eles viven a cabalo entre Ljubljana (capital de Eslovenia e lugar de nacemento de Petra) e Skopje (capital de Macedonia e lugar de nacemento de Brand), e como as conexións con calquera destas dúas cidades é bestialmente cara, decidimos que eu voaría a Venecia e, como nalgunha outra ocasión, eles virían buscarme alí. Busquei os voos e atopei algo apañado e aquí comezaron as sortpresas. Finalmente, a miña moza pediu uns días no traballo e apuntouse; e non só ela… A miña irmá maior tamén comentou que non estaría mal coñecer Eslovenia.

               Así que aló marchamos os tres nunha viaxe que prometía unha mestura divertida de ocio e negocio.

               Segundo chegamos, e despois das presentacións pertinentes, collimos o coche rumbo a Ljubjana. Poucas horas despois chegamos á casa de Petra nas aforas da cidade e comezou a Babel na que vivimos eses días, pois todo estaba organizado para que quedásemos na súa casa –son tremendamente hospitalarios- nolos tres, Petra, Brand e a súa filla a pequerrecha Terra, e máis os pais de Petra. Nin o pai nin a nai falaban unha palabra de inglés –o máximo era un alemán de mínimos que ninguén dos que iamos desde Galicia sabiamos falar-. E por suposto, Territa cos seus tres aniños tampouco podía ofrecer unha gran conversa en inglés. O divertido era que, por unha banda, a comunicación cos pais era razonablemente fluída –incluido ese momento embarazoso en que, con gran satisfacción, o pai sacou un album con fotos da infancia e adolescencia de Petra (vivan los ochenta!!!!!!)- e por outra, con Terra pasábamolo en grande xogando a montar e desmontar torres de pezas. Ela non acababa de entender por que demo non a entendíamos cando falaba en perfecto esloveno, así que con frecuencia, probaba pasando a falar macedonio a ver se así ía mellor o asunto. Por suposto, nós non percibíamos este salto lingüístico, pero si percibíamos que Petra e Brand escarallábanse de risa cada vez que o facía. É ben bonitiña Terra…

               E así pasamos os primeiros días, facendo turismo por Ljubljana –cidade moi recomendable coñecida polo alcume d’A Pequena Praga- e falando polas noites no xardín sobre a película. O dragón da foto é un dos símbolos da cidade.

               Aos poucos días, Petra e Brand acabaron os traballos que os tiñan ocupados e collemos o coche para ir coñecer algo dos exteriores de Eslovenia.

(segue)

martes 03 febreiro 2009

En Xeral | Sen comentarios | Permalink