Dúas semanas

Dúas semanas xa... É o tempo que pasou desde a última vez que escribín e o tempo que queda para comezar a rodaxe.

Definitivamente, non son quen de poñerme cada día diante do ordenador para escirbir o que pasou nas últimas vintecatro horas. Iso suporía perder algunha das ceas ou reunións vespertinas ás que nos estamos afacendo nesta preprodución, e non penso perder ningunha. Así que intentarei escribir cando menos unha vez por semana para ir dando conta do acontecido.

E nestas dúas semanas pasadas o certo é que houbo acontecementos a eito.

Por fin chegaron Petra e Brand, os meus amigos de Eslovenia e Macedonia, co cal xa arrancamos a preparación da parte técnica da rodaxe -o asunto de rodar con catro cámaras de forma simultánea-. E desde que están aquí, a sensación é dunha especie de festa continua entre traballo, ceas, viaxes e risos. Ademais comezou o Babel de idiomas que eu tanto esperaba. Na oficina de produción óese unha constante mestura de galego castelán, inglés e esloveno que é un auténtico agasallo para os oídos.

Por outra banda, Piti Sanz xa comezou a traballar na música da película e, ademais de ensaiar con Luis Tosar os temas que este tocará polas rúas de Santiago, xa me pasou a súa proposta de tema principal da película. E que podo dicir?... Pois que o estou escoitando agora mesmo -unha vez máis- e que non creo que me vaia cansar en moito tempo de escoitala, pois esta música é un enganche coa parte máis delicada da alma. É unha preciosiadade... E xa cumpriu a súa función. Eu quería ter algo que poder mostrarlle aos actores para achegalos ao tono emocional que me gustaría para 18 comidas, e con este tema, resulta máis fácil do que nunca puiden imaxinar. Tereino sempre dispoñible na rodaxe por se hai que recordar onde estamos a nivel de emoción.

Máis cousas. O reparto xa case está completamente pechado. Aínda estamos cos últimos toques, pero falta moi pouco. E, a falta deses poucos personaxes por acabar de definir, xa sei que estou xogando cun grupo de actores incribles, xenerosos e completamente volcados na película, o que me fai sentir profundamente afortunado. É unha gozada total. E con estes actores está acontecendo o mellor de todo; que arrancamos en serio a última parte da preparación. Despois de decenas de conversas, charletas, ceas, comidas e almorzos dándolles voltas aos personaxes, nestes días estamos tendo eses ensaios nos que nunca tocamos a escena que rodaremos, senón que usamos para ver os personaxes en pé, palpar as relacións entre eles e ir catando as improvisacións que finalmente compoñerán a película.

Quedan dúas semanas para comezar a rodaxe...

domingo 22 febreiro 2009

En Xeral | 1 comentario | Permalink