Un día...

Só falta un día... E este é o careto co que afronto o inicio da rodaxe. Mañá ás sete chegan os eléctricos a un bar da zona vella de Santiago a iluminar a primeira secuencia da película.

É de supoñer que todo irá ben, pois os actores son perfectos e están volcados -tanto que esta noite non van durmir, para poder así compartir cos seus personaxes ese estado alterado de consciencia co que arrancan a película-. Se cadra é unha loucura, pero a min a verdade é que a cousa me pinta ben e agradezo a súa vehemencia.

E que podo contar destaderradeira semana de preprodución? Pois que foi a máis suave de todos cantos proxectos tiven entre as mans. Normalmente o final da preprodución é unha etapa chea de nervios, tensión, incertidumbre... e aquí a verdade é que foi todo bastante suaviño. Seguimos coas comilonas de celebración, ensaiamos cos personaxes que faltaban, disfrutamos dun ambiente relaxado e divertido e por último, pasamos un par de días en varias localizacións facendo uns ensaios tecnicos que foron realmente útiles e cómodos.

Así que así chegamos a esta derradeira fin de semana antes de lanzarnos á improvisación. Ah, iso si, empezaron a sair algúns artigos en prensa nos que me decatei do difícil que é explicar como vai funcionar o das improvisacións. Despois de explicar como se plantexa todo con bastante detalle -ou iso pensaba eu-, un artigo comezaba con algo parecido ao seguinte:  "Sen guión. Así é como se vai rodar a película 18 comidas...". Supoño que non é doado explicar a relación entre o guión e a escena nunha película coma esta...

Bueno, tanto ten. O caso é que isto arranca e eu debería ir tirando para a cama, que mañá hai que madrugar.

Boas noites...

domingo 08 marzo 2009

En Xeral | 3 Comentarios | Permalink