Acabou a rodaxe

Só foron dúas semanas pero pareceron dous meses.

Foron nove xornadas de xornada (máis unha de reflexión) nas que pasou de todo. Diante e detrás das cámaras. Non sei se foron as dúas semanas máis intensas da miña vida, pero desde logo eu non lembro nada parecido a isto.

E sen dúbida, pagou a pena.

non puiden durante estas semanas poñer ao día este blog. Pero con case total puntualidade fun rexistrando en audio as experiencias de cada día e dentro de pouco pasareinas a limpo para compartilas nesta páxina.

Agora queda unha semana de desconexión e descompresión e, para a semana que vén, empeza o espectáculo: non sei cántas semanas ou meses de montaxe pero a ben seguro que bastantes.

Comeza a postprodución...

luns 23 marzo 2009

En Xeral | 1 comentario | Permalink

Un día...

Só falta un día... E este é o careto co que afronto o inicio da rodaxe. Mañá ás sete chegan os eléctricos a un bar da zona vella de Santiago a iluminar a primeira secuencia da película.

É de supoñer que todo irá ben, pois os actores son perfectos e están volcados -tanto que esta noite non van durmir, para poder así compartir cos seus personaxes ese estado alterado de consciencia co que arrancan a película-. Se cadra é unha loucura, pero a min a verdade é que a cousa me pinta ben e agradezo a súa vehemencia.

E que podo contar destaderradeira semana de preprodución? Pois que foi a máis suave de todos cantos proxectos tiven entre as mans. Normalmente o final da preprodución é unha etapa chea de nervios, tensión, incertidumbre... e aquí a verdade é que foi todo bastante suaviño. Seguimos coas comilonas de celebración, ensaiamos cos personaxes que faltaban, disfrutamos dun ambiente relaxado e divertido e por último, pasamos un par de días en varias localizacións facendo uns ensaios tecnicos que foron realmente útiles e cómodos.

Así que así chegamos a esta derradeira fin de semana antes de lanzarnos á improvisación. Ah, iso si, empezaron a sair algúns artigos en prensa nos que me decatei do difícil que é explicar como vai funcionar o das improvisacións. Despois de explicar como se plantexa todo con bastante detalle -ou iso pensaba eu-, un artigo comezaba con algo parecido ao seguinte:  "Sen guión. Así é como se vai rodar a película 18 comidas...". Supoño que non é doado explicar a relación entre o guión e a escena nunha película coma esta...

Bueno, tanto ten. O caso é que isto arranca e eu debería ir tirando para a cama, que mañá hai que madrugar.

Boas noites...

domingo 08 marzo 2009

En Xeral | 3 Comentarios | Permalink

Unha semana

Seis días, para ser exactos, é o que falta para que comecemos a rodar.

 

E parece unha eternidade desde a última entrada que escribín neste blog.

Despois da fin de semana na que fomos cos balcánicos Petra e Brand de viaxe polo sur de Galicia e mesmo entramos un pouco en Portugal, arrancamos a semana de traballo.

Seguimos pechando localizacións e visitándoas xa por fin con David Melero, o noso xefe de eléctricos e máis con Carlos Mouriño, xefe de son co que xa traballei en O Matacahín, O Ano da Carracha e ¿Qué Culpa Tiene el Tomate? entre outros proxectos. A oficina xa é un fervor contínuo de xente, entre os departamentos de dirección, produción, vestiario -a cargo de Mariana Razzetti- e dirección artísticas co gran Antonio Pereira á cabeza.

E o mellor de todo, por suposto... os actores.

Arrancamos os ensaios da historia de Luis Tosar e Esperanza Pedreño. E a verdade é que non imaxino un arranque mellor. Esperanza, actriz á que non coñecía previamente, ten unha intensidade na mirada e discorrer da súa cabeciña que fixo saltar chispas na súa improvisación inicial con Luis. E por parte de Luis... a ver, coñézoo desde que éramos uns adolescentes, sei desde hai moitísimos anos do seu talento como actor -que era enorme hai vinte anos e non para de medrar-, coñezo as súas virtudes e os seus defectos, así que o que esperaba era sentarme cun sorriso nos labios a disfrutar do espectáculo da súa interpretación pero non esperaba que, por riba dese enrome pracer, ía conseguir sorprenderme como o fixo. As horas que pasamos na oficina falando e ensaiando foron un espectáculo de honestidade, sensibilidade, risco, valentía e, sobre todo, xenerosidade que non esqueceréi mentres me siga funcionando a cabeza.

Tamén foi unha xornada especial e máxica a que dedicamos á relación de Cristina Brondo, Antonio Mourelos e Jose Barato. Forman os tres un grupo de actores aparentemente moi distintos e de moi ditintas formacións interpretativas, pero eu presentía que podían funcionar francamente ben xuntos. E ese presentimento empezou a facerse realidade aos vinte minutos de presentalos por primeira vez e ver como alí estaba xurdindo algo verdadeiramente valioso.

E a maxia seguiu nos seguintes días con Pedro Alonso, Víctor Fábregas, Fede Pérez, María Bouzas, Nuncy Valcárcel, María Vázquez -que gozada volver contar con ela para outra aventura-, Víctor Duplá, Isabel Naveira...

Do máis divertido é que como os ensaios están tendo lugar na oficina de dirección, con frecuencia ando entrando e saindo para darlles informacións distintas a cada un dos actores antes de arrancar unha nova improvisación, e cando a última hora chegamos a esas charlas de “¿que tal o día?” é unha gozada ver as caras de felicidade da xente de produción disfrutando de vernos aos actores, a Petra e a min xogando coma pequenos pola oficina adiante.

 

Non sei, unha loucura... francamente divertida.

 

Ah, e chegou Milan Tocinovski, o actor macedonio co que se encontrará Luis Tosar polas rúas de Santiago. Xa podemos empezar a perfilar un novo personaxe cos seus problemas, as súas dúbidas, os seus desexos... E ademais é un tipo majo.

martes 03 marzo 2009

En Xeral | Sen comentarios | Permalink

Dúas semanas

Dúas semanas xa... É o tempo que pasou desde a última vez que escribín e o tempo que queda para comezar a rodaxe.

Definitivamente, non son quen de poñerme cada día diante do ordenador para escirbir o que pasou nas últimas vintecatro horas. Iso suporía perder algunha das ceas ou reunións vespertinas ás que nos estamos afacendo nesta preprodución, e non penso perder ningunha. Así que intentarei escribir cando menos unha vez por semana para ir dando conta do acontecido.

E nestas dúas semanas pasadas o certo é que houbo acontecementos a eito.

Por fin chegaron Petra e Brand, os meus amigos de Eslovenia e Macedonia, co cal xa arrancamos a preparación da parte técnica da rodaxe -o asunto de rodar con catro cámaras de forma simultánea-. E desde que están aquí, a sensación é dunha especie de festa continua entre traballo, ceas, viaxes e risos. Ademais comezou o Babel de idiomas que eu tanto esperaba. Na oficina de produción óese unha constante mestura de galego castelán, inglés e esloveno que é un auténtico agasallo para os oídos.

Por outra banda, Piti Sanz xa comezou a traballar na música da película e, ademais de ensaiar con Luis Tosar os temas que este tocará polas rúas de Santiago, xa me pasou a súa proposta de tema principal da película. E que podo dicir?... Pois que o estou escoitando agora mesmo -unha vez máis- e que non creo que me vaia cansar en moito tempo de escoitala, pois esta música é un enganche coa parte máis delicada da alma. É unha preciosiadade... E xa cumpriu a súa función. Eu quería ter algo que poder mostrarlle aos actores para achegalos ao tono emocional que me gustaría para 18 comidas, e con este tema, resulta máis fácil do que nunca puiden imaxinar. Tereino sempre dispoñible na rodaxe por se hai que recordar onde estamos a nivel de emoción.

Máis cousas. O reparto xa case está completamente pechado. Aínda estamos cos últimos toques, pero falta moi pouco. E, a falta deses poucos personaxes por acabar de definir, xa sei que estou xogando cun grupo de actores incribles, xenerosos e completamente volcados na película, o que me fai sentir profundamente afortunado. É unha gozada total. E con estes actores está acontecendo o mellor de todo; que arrancamos en serio a última parte da preparación. Despois de decenas de conversas, charletas, ceas, comidas e almorzos dándolles voltas aos personaxes, nestes días estamos tendo eses ensaios nos que nunca tocamos a escena que rodaremos, senón que usamos para ver os personaxes en pé, palpar as relacións entre eles e ir catando as improvisacións que finalmente compoñerán a película.

Quedan dúas semanas para comezar a rodaxe...

domingo 22 febreiro 2009

En Xeral | 1 comentario | Permalink

A Viaxe a Eslovenia (continuación)

               Arrancamos o noso periplo cun rotundo fracaso ao tirar para arriba, coa intención de chegar aos Alpes. E chegar, chegamos, pero non vimos nada das montañas pola densísima néboa que os ocultaba eses días. Así a todo, si coñecemos unha boa serie de vilas fermosas e de lagos impresionantes –entre eles o Bohinj, aquel do que eu puxera unha foto neste blog anunciando a viaxe e do que agora poño outra-. E aínda que esta foto non está mal, non é nada comparado con ver aquel lago coronado por unha illa no medio da auga da que emerxe unha torre de estilo balcánico, ver a mansión que Tito mandou construír alí para veranear… realmente impresionante.

               Ante o fracaso, demos volta e tiramos cara ao sur, cara as montañas que fan borde con Croacia, alí onde vive Dujan –non lembro se se escribía así o nome-, un amigo de Petra e Brand que hai uns anos, decidiu abandonar a cidade e marchar para o monte. E tan radical foi a decisión que marchou par unha vila onde non hai cobertura e onde é bastante difícil chegar en coche. Eu xa estivera alí hai un tempo alucinando ao comprobar que as verbenas son idénticas en Galicia e en Eslovenia, e desta volta paseino alomenos igual de ben, pois o plan foi ir preparando unha comida típica da zona (bueno máis ben serbia se non entendín mal) chamada “čebapčiči” e disfrutar dunha desas comidas intensas e extensas nas que se vai mesturando o xantar coa sobremesa e coa cea ata acabar cos licores da noite entre contos, conversas e risas. Foi unha noite preciosa que Petra e Brand perderon, pois a iso das nove foron durmir a Terra e aló quedaron eles durmidos tamén mentres nos seguiamos con Dujan e cun home do que non lembro o nome, pero si lembro como só se entendía ben coa miña irmá –a única que falaba italiano de entre nos- e como insistía en que fora unha gran perda a desmembraciónde Iugoslavia. Viña dicir algo así como: “Antes eramos un gran país. Ti dicías –e aquí puña voz de impresionante- IUGOSLAVIA polo mundo adiante e a xente respectábate. Agora, ¿de onde somos? ¿De Eslovenia? Pois tremenda merda. Se mesmo nos confunden con Eslovaquia… Ai, Tito, botámoste en falta”. Os seus compatriotas máis novos non estaban completamente dacordo con el, pero iso pouco lle importaba, el é un romántico e sempre o será.

               Ao día seguinte, chegou o día de volver a Galicia. Pero antes de tirar cara ao aeroporto de Venecia, aínda tivemos tempo de percorrer unha zona vinícola na fronteira italo-eslovena e porba-los seus viños, de visitar un amigo da miña irmá, de comer coma señores a escasos metros da antiga garita fronteiriza e disfrutar do último día desa viaxe que empezou sendo un encontro de traballo e rematou como unha experiencia de primeira orde.

               Agora só espero que eles –Petra, Brand e Terra- o pasen igual de ben e sintan igual de ben recibidos como nos sentimos nós alí.

martes 03 febreiro 2009

En Xeral | 1 comentario | Permalink

A Viaxe a Eslovenia

Lembrei o outro día que, hai xa uns meses, adiara o de contar a viaxe que fixen a Eslovenia para falar co director de fotografía Brand Ferro e a súa muller Petra –unha das miñas mellores amigas e que participará na película como asistente de dirección.

               Ben, pois hoxe é o día de contar aquela viaxe. Entre outras razóns, porque se tardo uns poucos días máis, vaiseme xuntar todo, pois esta fin de semana –por fin- chegan Petra e Brand a Galicia para quedar un par de meses entre a preparación e a rodaxe.

               Había xa moito tempo que empezáramos a falar de 18 comidas e da súa participación no proxecto, pero nunca tivéramos a oportunidade de sentar tranquilamente e tratar todos os temas relativos ao traballo en profundidade. Así que con esa intención organicei a viaxe. Eles viven a cabalo entre Ljubljana (capital de Eslovenia e lugar de nacemento de Petra) e Skopje (capital de Macedonia e lugar de nacemento de Brand), e como as conexións con calquera destas dúas cidades é bestialmente cara, decidimos que eu voaría a Venecia e, como nalgunha outra ocasión, eles virían buscarme alí. Busquei os voos e atopei algo apañado e aquí comezaron as sortpresas. Finalmente, a miña moza pediu uns días no traballo e apuntouse; e non só ela… A miña irmá maior tamén comentou que non estaría mal coñecer Eslovenia.

               Así que aló marchamos os tres nunha viaxe que prometía unha mestura divertida de ocio e negocio.

               Segundo chegamos, e despois das presentacións pertinentes, collimos o coche rumbo a Ljubjana. Poucas horas despois chegamos á casa de Petra nas aforas da cidade e comezou a Babel na que vivimos eses días, pois todo estaba organizado para que quedásemos na súa casa –son tremendamente hospitalarios- nolos tres, Petra, Brand e a súa filla a pequerrecha Terra, e máis os pais de Petra. Nin o pai nin a nai falaban unha palabra de inglés –o máximo era un alemán de mínimos que ninguén dos que iamos desde Galicia sabiamos falar-. E por suposto, Territa cos seus tres aniños tampouco podía ofrecer unha gran conversa en inglés. O divertido era que, por unha banda, a comunicación cos pais era razonablemente fluída –incluido ese momento embarazoso en que, con gran satisfacción, o pai sacou un album con fotos da infancia e adolescencia de Petra (vivan los ochenta!!!!!!)- e por outra, con Terra pasábamolo en grande xogando a montar e desmontar torres de pezas. Ela non acababa de entender por que demo non a entendíamos cando falaba en perfecto esloveno, así que con frecuencia, probaba pasando a falar macedonio a ver se así ía mellor o asunto. Por suposto, nós non percibíamos este salto lingüístico, pero si percibíamos que Petra e Brand escarallábanse de risa cada vez que o facía. É ben bonitiña Terra…

               E así pasamos os primeiros días, facendo turismo por Ljubljana –cidade moi recomendable coñecida polo alcume d’A Pequena Praga- e falando polas noites no xardín sobre a película. O dragón da foto é un dos símbolos da cidade.

               Aos poucos días, Petra e Brand acabaron os traballos que os tiñan ocupados e collemos o coche para ir coñecer algo dos exteriores de Eslovenia.

(segue)

martes 03 febreiro 2009

En Xeral | Sen comentarios | Permalink

O tren comeza a moverse

Esa é a sensación que me provoca o inicio de calquera preprodución. A dun tren que comeza, pouco a pouco, a poñerse en marcha. Neste caso trátase dun tren pequeniño e modesto que pegará un acelerón brutal a unha semana da rodaxe, cando comecemos cos ensaios técnicos. Por certo, vai ser a primeira vez que faga tal cousa. Nunca antes necesitara facer ensaios non para os actores senón, como neste caso, para o equipo técnico; pois é fundamental que antes de poñernos a rodar as improvisacións ás que se lanzarán os actores, probemos e comprobemos que a máquina funciona, que o equipo está engraxado e que somos capaces de, unha vez que a impro comece, non parar a rodaxe baixo ningún concepto ata o final.

Nestes días abriremos a oficina de produción en Santiago e así, por fin, deixarei a soidade da miña casa para comezar a dar -nun man a man con María Liaño, a directora-xefa de produción-, os primeiros empurróns serios a esta preprodución que durará un par de meses.

xoves 08 xaneiro 2009

En Xeral | Sen comentarios | Permalink

No parón de Nadal


[ Máis ]

martes 30 decembro 2008

En Xeral | Sen comentarios | Permalink

De volta en Santiago

Como dicía hai unhas semanas, non había tardar moito en volver e, efectivamente, xa estou aquí.
E con ganas de poder dedicarme por enteiro a 18 comidas. Agora mesmo, o plan é rodar nos primeiros meses de 2009 (arredor de febreiro ou marzo), así que apenas quedan uns catro meses nos que iremos traballando cos actores -cos moitos actores- que conformarán esta película, e inventándonos entre o director de fotografía e eu mesmo como rodar estas historias. Porque ninguén de nos rodara nunca nada parecido a isto e imos ter que inventar novos métodos de traballo.

Apetece, a verdade, apetece...

mércores 29 outubro 2008

En Xeral | 1 comentario | Permalink

Xa estou de volta

De novo, ando ás presas...

Onte cheguei de volta despois destes días en Eslovenia. Cando teña tempo, escribirei máis polo miudo pero podo adiantar que a viaxe foi estupenda. Cada vez teño máis ganas de traballar con eses tolo balcánicos!!!

Pero houbo unha historia que me trastocou un pouco os meus plans. Hai uns días chamáronme para ir dirixir outro capítulo de El Comisario. E, como case sempre en televisión, a toda máquina!!! Así que hoxe marcho para Madrid que mañá hai que empezara traballar.

Non sei se poderei actualizar o blog durante o tempo da rodaxe, pero en calquera caso, non tardarei moito en volver á miña casa en Santiago de Compostela. En tres semanas estou de volta.

Así que mentres... Saudos e... Na zdravje!!!!!

P.D. Coñecín o lago Bohinj (o da foto do post anterior). De casualidade, pero coñecino.

luns 06 outubro 2008

En Xeral | Sen comentarios | Permalink

A Eslovenia!!!!

Dentro dunha hora teño que estar no aeroporto -e aínda non fixen a maleta-, pero, por fin, vou pasar uns días a Eslovenia. Nos últimos meses estiven buscando o momento para ir e ata hoxe non atopei.

A razón desta viaxe é a de poder reunirme con Brand Ferro, o que será o director de fotografía de 18 comidas.

Este home é un novo director de foto macedonio que coñecín hai uns poucos anos a través de Petra Seliskar, unha directora eslovena amiga miña. Petra estará na película acompañándome como asistente e quixen que Brand fixese a foto por varias razóns: unha, porque coñezo o seu traballo e é excepcional; outra, porque sei que lle entusiasma o mundo do cine de guerrilla, a rodaxe chica; outra, porque é unha desas persoas que agradeces ter ao teu redor polo boa persoa que é; e por último, porque recoñezo que me encanta a idea de ter un director de fotografía macedonio...

Bueno, á miña volta explicarei con máis detalle todo o asunto (que agora vou un chisco pillao).

Saudos!!!

P.D. O da foto é o lago Bohinj, a unha hora de Ljubljana

luns 29 setembro 2008

En Xeral | 1 comentario | Permalink

improvisación

1.f. Realización dunha cousa que non estaba prevista.

2.f. Poema, discurso, peza musical ou obra artística en xeral que unha persoa compón ou executa sen seguir un guión predeterminado.

martes 23 setembro 2008

En Xeral | Sen comentarios | Permalink

Son un desastre, seino...

Son un desastre, seino... Vai pasando o tempo e non vou escribindo -como era a miña intención- o desenvolvemento desta película.
Pero por suposto -aquí vén a captatio benevolentiae-, hai razóns.
Primeiro: no último mes estiven en Madrid liado na rodaxe dunha serie de TV e, tan pronto acabei, marchei de vacacións (que acabei onte).
Segundo: Non ten sentido ir contando o día día da película sen explicar primeiro qué película é. E isto non é tan fácil neste caso...
Nos próximos días comezarei por explicar qué é "18 comidas", por que non é tan fácil definir esta película, cal é o seu argumento, as súas intencións, qué é o que a fai tan especial para min, etc.
Espero poñerme co asunto antes de marchar de viaxe de novo, porque -isto si que é xa diario do proxecto- a semana que vén irei a eslovenia reunirme con Brand Ferro, o que será Director de Fotografía nesta película e que vive a cabalo entre Skopje (Macedonia) e Ljubljana (Eslovenia).

Xa vai faltando menos para comezar a rodaxe e hai moito que falar...

venres 19 setembro 2008

En Xeral | Sen comentarios | Permalink

Abrindo boca

 [ Máis ]

sabado 19 xullo 2008

En Xeral | Sen comentarios | Permalink