A Viaxe a Eslovenia

Lembrei o outro día que, hai xa uns meses, adiara o de contar a viaxe que fixen a Eslovenia para falar co director de fotografía Brand Ferro e a súa muller Petra –unha das miñas mellores amigas e que participará na película como asistente de dirección.

               Ben, pois hoxe é o día de contar aquela viaxe. Entre outras razóns, porque se tardo uns poucos días máis, vaiseme xuntar todo, pois esta fin de semana –por fin- chegan Petra e Brand a Galicia para quedar un par de meses entre a preparación e a rodaxe.

               Había xa moito tempo que empezáramos a falar de 18 comidas e da súa participación no proxecto, pero nunca tivéramos a oportunidade de sentar tranquilamente e tratar todos os temas relativos ao traballo en profundidade. Así que con esa intención organicei a viaxe. Eles viven a cabalo entre Ljubljana (capital de Eslovenia e lugar de nacemento de Petra) e Skopje (capital de Macedonia e lugar de nacemento de Brand), e como as conexións con calquera destas dúas cidades é bestialmente cara, decidimos que eu voaría a Venecia e, como nalgunha outra ocasión, eles virían buscarme alí. Busquei os voos e atopei algo apañado e aquí comezaron as sortpresas. Finalmente, a miña moza pediu uns días no traballo e apuntouse; e non só ela… A miña irmá maior tamén comentou que non estaría mal coñecer Eslovenia.

               Así que aló marchamos os tres nunha viaxe que prometía unha mestura divertida de ocio e negocio.

               Segundo chegamos, e despois das presentacións pertinentes, collimos o coche rumbo a Ljubjana. Poucas horas despois chegamos á casa de Petra nas aforas da cidade e comezou a Babel na que vivimos eses días, pois todo estaba organizado para que quedásemos na súa casa –son tremendamente hospitalarios- nolos tres, Petra, Brand e a súa filla a pequerrecha Terra, e máis os pais de Petra. Nin o pai nin a nai falaban unha palabra de inglés –o máximo era un alemán de mínimos que ninguén dos que iamos desde Galicia sabiamos falar-. E por suposto, Territa cos seus tres aniños tampouco podía ofrecer unha gran conversa en inglés. O divertido era que, por unha banda, a comunicación cos pais era razonablemente fluída –incluido ese momento embarazoso en que, con gran satisfacción, o pai sacou un album con fotos da infancia e adolescencia de Petra (vivan los ochenta!!!!!!)- e por outra, con Terra pasábamolo en grande xogando a montar e desmontar torres de pezas. Ela non acababa de entender por que demo non a entendíamos cando falaba en perfecto esloveno, así que con frecuencia, probaba pasando a falar macedonio a ver se así ía mellor o asunto. Por suposto, nós non percibíamos este salto lingüístico, pero si percibíamos que Petra e Brand escarallábanse de risa cada vez que o facía. É ben bonitiña Terra…

               E así pasamos os primeiros días, facendo turismo por Ljubljana –cidade moi recomendable coñecida polo alcume d’A Pequena Praga- e falando polas noites no xardín sobre a película. O dragón da foto é un dos símbolos da cidade.

               Aos poucos días, Petra e Brand acabaron os traballos que os tiñan ocupados e collemos o coche para ir coñecer algo dos exteriores de Eslovenia.

(segue)

martes 03 febreiro 2009

En Xeral | Sen comentarios | Permalink






Enviar un comentario

Nome:
Correo electrónico:
URL:
O teu comentario:

sintaxe html: deshabilitado