como xurdiu 18 comidas?

O proxecto de 18 comidas xurdiu ao unir dúas ideas que me rondaban a cabeza nos últimos anos.

 

Por un lado, hai xa tempo oín falar dun festival único no mundo como é o das 72 Horas de Chicago. Trátase dun festival no que só participan películas feitas en 72 horas. É dicir, desde o momento en que se dá acción por primeira vez ata que a película está postproducida e selada en correos de camiño a Chicago, só poden pasar tres días, nin un minuto máis. Ese xogo de malabares cinematográfico resultábame divertido e así, comecei a pensar historias que realmente se puidesen facer en tres días. Pensei unha boa cantidade de plantexamentos distintos, pero non daba con ningún que me convencese. Ata que unha desas ideas que desbotara pois, ainda que era posible rodala en poucos días –se cadra mesmo en 72 horas, como esixían en Chicago-, definitivamente non era posible montala e postproducila nese tempo; como dicía, unha desas ideas desbotadas foi collendo forza na miña mente.

 

Esa idea desbotada era, básicamente, a de poñer en práctica as ferrameentas coas que traballara nun curso de dirección aló por 2001 en Dublín. Ese ano, participei como alumno nunha Masterclass da Academia de Cine Europeo impartida por Michael Radford. O título daquel curso era “A alma do actor” e o que Radford pretendía era darnos a un grupo de doce directores primerizos, unhas nocións básicas sobre a dirección de actores. O seu plantexamento foi o de “se queres aprender a dirixir actores, o primeiro que tes que facer é ser actor ti mesmo”. Con esa premisa, púxonos aos doce acobardados directores a interpretar enriba dun escenario. Pero nunca pretendeu que aprendésemos un texto senón que traballásemos a partir de improvisacións. Para a miña sorpresa, aquel curso convirteuse nunha inmersión total nun mundo descoñecido ata entón como era o da improvisación. Analizamos de forma exhaustiva as bases necesarias para que unha improvisación funcione; as razóns que poden levala ao bloqueo por parte dos actores; cómo reaccionar neses casos; cómo reconducila cara a novos camiños... E descubrín que unha improvisación, lonxe de ser algo non preparado e pouco máis ca un divertimento para actores, pode chegar a uns niveis de emoción e verdade difícilmente igualables con outros métodos.

 

Así que, unindo a idea daquel festival coa experiencia daquel curso, comezou a medrar algo novo, 18 comidas. E foi collendo tanta forza que, finalmente, decidín seguir adiante con ela e esquecer o festival.

 

A continuación pensei que, se cadra, aínda que puidese ser unha aventura divertida, plantexarme en serio levantar unha película destas característica podía converterse nunha loucura.

E sigo pensándoo.

Creo que vai ser unha loucura divertidísima rodar unha longa en seis días e montala en seis meses, e teño a firme convicción de que se, cando cheguemos a esa semana de rodaxe breve e demencial, fixemos ben os deberes, o resultado será algo realmente vivo, intenso... e diferente.

Queremos buscar vías alternativas, experimentar novas formas de narración coas que contar as historias que nos emocionan.

Porque, en realidade, iso é o importante... a pura necesidade de contar historias, de falar coa vida.

E a vida é o que ocorre entre prato e prato.

martes 23 setembro 2008

En documentos | 2 Comentarios | Permalink




Comentarios

Confío nesa peli, xa o sabes. Pero creo que será necesario un traballo previo cos actores/personaxes. O que plantexas é case un sicodrama, bucear na alma dun personaxe a través da alma do actor. Tender fíos seguindo o devir dun personaxe/actor cara outro. Por qué A odia a B? A inventará que lle cae mal (terá que ver coa sua faciana, ó actor A nunca lle gustaron esas caras redondas de bancario), ou terá que ver cunha experiencia de sustración (dun amor, por exemplo), o actor A ten certa recurrencia con ese tema, ou terá que ver quizáis coa predisposición do actor B, e entón acudiremos ás razóns deste ... non sei se me dou explicado ...

enviado por David M. o 23 setembro 2008 ás 09:33 PM CEST #

Alégrome de ve-la túa voz neste blog nacente, David!!!

Si que te explicas, compañeiro, si que te explicas. Ao teu estilo particular, pero te explicas.

Por suposto que fai falta un traballo previo cos actores. De feito ese traballo xa arrancou hai un par de meses.

É un proceso que irá a modo, será longo e ten unha serie de peculiaridades, pero así é como ten que ser.

O plantexamento no traballo cos actores é o seguinte:

Primeiro un traballo de mesa no que entre o actor e eu definimos o personaxe -a súa historia, as súas circunstancias actuais no sentido máis amplo da expresión (familia, traballo, obxectivos vitais, soños, medos...)-. Cando esteamos satisfeitos, comezaremos as postas en común entre personaxes. Entre todos aqueles personaxes que teñan un pasado en común (parellas, amigos, familia, et al.), é imprescindible que nos xuntemos para definir esa relación (como se coñeceron, como é a súa rutina, momentos importantes da súa relación, todo o que poidamos imaxinar). É neste momento onde se perfilan en detalle eses sentimentos que mencionabas. Os posibles odios entre personaxes (ainda que nesta película, de momento, ningún personaxe odia a outro), os amores os sentimentos intermedios, todos... e sempre sobre unha ampla base pactada entre as partes.

E por último, os ensaios. Uns ensaios que teran como obxectivo ver en pe os personaxes e como se relacionan uns cos outros, así como establecer uns mecanismos comúns de traballo, xa que o reparto é variadísimo en canto a niveis de experiencia tanto en improvisación como en intrepretación convencional. Cousa que, por outro lado, ponme máis pitirri que la leche, e que creo que aportará uns contrastes realmente creativos.

Sei que, na sinopse e nos outros documentos que vou colgando, falta información sobre o desenvolvemento concreto da película e das historias... E entendo que iso non axuda a facerse unha imaxe clara de como pode ser o resultado final... Pero así e así seguirá sendo... ata despois da rodaxe. Hai cousas que preciso que queden entre os actores e máis eu ata o final para asegurarnos a liberdade absoluta de darlle a volta do revés a calquera historia en calquera momento.

Por último e para acabar este tocho que me está saíndo (síntoo, compañeiro), hai unha cousa no teu comentario que é o tipo de idea que quero erradicar nos actores. É o de "A inventará que lle cae mal..."

Hai algo fundamental: os actores son actores, non guionistas. E no momento de escena deben vivir o seu personaxe, respiralo, escoitar ao compañeiro e deixarse levar. Nunca preocuparse de "inventar" nada. Nunca ir por diante da escena. O outro día propñéndolle un papel a un actriz que me entusiasma, pasoume algo curioso relacionado con isto. Ela é das que non ten experiencia ningunha com mundo da improvisación e falando de como sería a experiencia, preguntoume con preocupación:

- Entón, como é? Teño que inventarme eu os meus diálogos?

Expliquielle que non era así exactamente. Que só tiña que inventar diálogos na mesma medida exactamente en que os inventa no día a día. E igual que non se levanta polas mañás preocupada por saber se os diálogos do día lle sairán brillantes, tampouco debería preocuparse cando arranquemos a escena. E, aínda que agora non llo pareza, vai ser fácil. Moito máis do que ela poida imaxinar ata que nos lancemos a ensaiar e gozar da improvisación. Porque vai estar ben arroupada por unha actriz con experiencia que será quen mova as primeiras pezas. E porque me vou asegurar de que se convenza a si mesma de que o silencio é unha arma poderosísima na situación do seu personaxe.


Bueno, tío, como se me foi a man nesta resposta... Procurarei moderar a miña ciberverborrea en próximas ocasións.

Un abrazo grandísimo para os cinco!!!!!

Jorge

enviado por Jorge Coira o 23 setembro 2008 ás 10:17 PM CEST #



Enviar un comentario

Nome:
Correo electrónico:
URL:
O teu comentario:

sintaxe html: deshabilitado