Dúas semanas

Dúas semanas xa... É o tempo que pasou desde a última vez que escribín e o tempo que queda para comezar a rodaxe.

Definitivamente, non son quen de poñerme cada día diante do ordenador para escirbir o que pasou nas últimas vintecatro horas. Iso suporía perder algunha das ceas ou reunións vespertinas ás que nos estamos afacendo nesta preprodución, e non penso perder ningunha. Así que intentarei escribir cando menos unha vez por semana para ir dando conta do acontecido.

E nestas dúas semanas pasadas o certo é que houbo acontecementos a eito.

Por fin chegaron Petra e Brand, os meus amigos de Eslovenia e Macedonia, co cal xa arrancamos a preparación da parte técnica da rodaxe -o asunto de rodar con catro cámaras de forma simultánea-. E desde que están aquí, a sensación é dunha especie de festa continua entre traballo, ceas, viaxes e risos. Ademais comezou o Babel de idiomas que eu tanto esperaba. Na oficina de produción óese unha constante mestura de galego castelán, inglés e esloveno que é un auténtico agasallo para os oídos.

Por outra banda, Piti Sanz xa comezou a traballar na música da película e, ademais de ensaiar con Luis Tosar os temas que este tocará polas rúas de Santiago, xa me pasou a súa proposta de tema principal da película. E que podo dicir?... Pois que o estou escoitando agora mesmo -unha vez máis- e que non creo que me vaia cansar en moito tempo de escoitala, pois esta música é un enganche coa parte máis delicada da alma. É unha preciosiadade... E xa cumpriu a súa función. Eu quería ter algo que poder mostrarlle aos actores para achegalos ao tono emocional que me gustaría para 18 comidas, e con este tema, resulta máis fácil do que nunca puiden imaxinar. Tereino sempre dispoñible na rodaxe por se hai que recordar onde estamos a nivel de emoción.

Máis cousas. O reparto xa case está completamente pechado. Aínda estamos cos últimos toques, pero falta moi pouco. E, a falta deses poucos personaxes por acabar de definir, xa sei que estou xogando cun grupo de actores incribles, xenerosos e completamente volcados na película, o que me fai sentir profundamente afortunado. É unha gozada total. E con estes actores está acontecendo o mellor de todo; que arrancamos en serio a última parte da preparación. Despois de decenas de conversas, charletas, ceas, comidas e almorzos dándolles voltas aos personaxes, nestes días estamos tendo eses ensaios nos que nunca tocamos a escena que rodaremos, senón que usamos para ver os personaxes en pé, palpar as relacións entre eles e ir catando as improvisacións que finalmente compoñerán a película.

Quedan dúas semanas para comezar a rodaxe...

domingo 22 febreiro 2009

En Xeral | 1 comentario | Permalink




Comentarios

Hei Jorge!
que envexa, que boa pinta teñen esas comidas. A ver se nos postres das torta de queixo caseira.
Eu volvo este luns da peli na que estaba en Cuba de primeiro. Veño de estar rodando con ingleses dous meses, así que se podo botar unha mao, ainda que se sexa de tradutor, non dubides en chamar.
Moita sorte!

enviado por ozo o 01 marzo 2009 ás 03:25 AM CET
Sitio web:: http://www.youtube.com/ozoperozo #



Enviar un comentario

Nome:
Correo electrónico:
URL:
O teu comentario:

sintaxe html: deshabilitado