Sinopse

          18 comidas é unha película de improvisación. Unha película na que o que ocorra diante da cámara será único e irrepetible.

           Son historias que ocorren arredor de comidas. Historias que se desenvolven en 6 almorzos, 7 comidas e 5 ceas, nas que os personaxes vivirán momentos de ruptura, de unión, de crise, de cotidianeidade...

            Por que dispoñe-lo núcleo das historias ao redor de comidas? Porque comer é unha necesidade vital que todos compartimos. E tamén porque a comida establece un vínculo social, afectivo e de unión. Moitas grandes decisións tómanse en torno a unha mesa. Moitas pequenas decisións... tamén.
            Nesta película, os protagonistas serán máis protagonistas ca nunca. Son eles os que teñen na súa man decidir que versión da historia nos contan. En tódalas situacións que se propoñen, cada un dos personaxes ten tres claves imprescindibles: sabe exactamente quen é, sabe exactamente cal é a relación que o une cos demais personaxes da escena e, sobre todo, sabe exactamente cal é o seu obxectivo. Con estas tres ferramentas, terá que lanzarse á improvisación e intentar chegar a ese obxectivo.

E é aquí onde xurden os conflictos da película, non dun guión completo no que sabemos de antemán como acabará todo, senón da oposición frontal entre os obxectivos dos personaxes.

A partir de aí... todo é posible.

 

Ninguén sabe por adiantado que camiños lle tocará percorrer na vida. Por iso nesta película tampouco podemos contar o final. Porque non o sabemos. Irémolo descubrindo no mesmo momento da rodaxe. Porque nesta loita diaria de anhelos, de intereses, de soños compartidos ou enfrontados, na que podería resumirse a existencia, cada secuencia será unha batalla vital na que os propios personaxes terán que decidir quen gaña, quen cede, e quen deberá buscar mellor fortuna noutra ocasión.

martes 23 setembro 2008

En documentos | 1 comentario | Permalink




Comentarios

Apetitosa.

enviado por orso o 23 setembro 2008 ás 02:06 PM CEST
Sitio web:: http://apnea.blogs-r.com #



Enviar un comentario

Nome:
Correo electrónico:
URL:
O teu comentario:

sintaxe html: deshabilitado