Unha semana

Seis días, para ser exactos, é o que falta para que comecemos a rodar.

 

E parece unha eternidade desde a última entrada que escribín neste blog.

Despois da fin de semana na que fomos cos balcánicos Petra e Brand de viaxe polo sur de Galicia e mesmo entramos un pouco en Portugal, arrancamos a semana de traballo.

Seguimos pechando localizacións e visitándoas xa por fin con David Melero, o noso xefe de eléctricos e máis con Carlos Mouriño, xefe de son co que xa traballei en O Matacahín, O Ano da Carracha e ¿Qué Culpa Tiene el Tomate? entre outros proxectos. A oficina xa é un fervor contínuo de xente, entre os departamentos de dirección, produción, vestiario -a cargo de Mariana Razzetti- e dirección artísticas co gran Antonio Pereira á cabeza.

E o mellor de todo, por suposto... os actores.

Arrancamos os ensaios da historia de Luis Tosar e Esperanza Pedreño. E a verdade é que non imaxino un arranque mellor. Esperanza, actriz á que non coñecía previamente, ten unha intensidade na mirada e discorrer da súa cabeciña que fixo saltar chispas na súa improvisación inicial con Luis. E por parte de Luis... a ver, coñézoo desde que éramos uns adolescentes, sei desde hai moitísimos anos do seu talento como actor -que era enorme hai vinte anos e non para de medrar-, coñezo as súas virtudes e os seus defectos, así que o que esperaba era sentarme cun sorriso nos labios a disfrutar do espectáculo da súa interpretación pero non esperaba que, por riba dese enrome pracer, ía conseguir sorprenderme como o fixo. As horas que pasamos na oficina falando e ensaiando foron un espectáculo de honestidade, sensibilidade, risco, valentía e, sobre todo, xenerosidade que non esqueceréi mentres me siga funcionando a cabeza.

Tamén foi unha xornada especial e máxica a que dedicamos á relación de Cristina Brondo, Antonio Mourelos e Jose Barato. Forman os tres un grupo de actores aparentemente moi distintos e de moi ditintas formacións interpretativas, pero eu presentía que podían funcionar francamente ben xuntos. E ese presentimento empezou a facerse realidade aos vinte minutos de presentalos por primeira vez e ver como alí estaba xurdindo algo verdadeiramente valioso.

E a maxia seguiu nos seguintes días con Pedro Alonso, Víctor Fábregas, Fede Pérez, María Bouzas, Nuncy Valcárcel, María Vázquez -que gozada volver contar con ela para outra aventura-, Víctor Duplá, Isabel Naveira...

Do máis divertido é que como os ensaios están tendo lugar na oficina de dirección, con frecuencia ando entrando e saindo para darlles informacións distintas a cada un dos actores antes de arrancar unha nova improvisación, e cando a última hora chegamos a esas charlas de “¿que tal o día?” é unha gozada ver as caras de felicidade da xente de produción disfrutando de vernos aos actores, a Petra e a min xogando coma pequenos pola oficina adiante.

 

Non sei, unha loucura... francamente divertida.

 

Ah, e chegou Milan Tocinovski, o actor macedonio co que se encontrará Luis Tosar polas rúas de Santiago. Xa podemos empezar a perfilar un novo personaxe cos seus problemas, as súas dúbidas, os seus desexos... E ademais é un tipo majo.

martes 03 marzo 2009

En Xeral | Sen comentarios | Permalink






Enviar un comentario

Nome:
Correo electrónico:
URL:
O teu comentario:

sintaxe html: deshabilitado